Saturday 27 de April de 2024

Feijóo abre as portas de Galicia á economía cubana e destaca ante os empresarios do país as capacidades dos sectores galegos que están consolidando o crecemento das nosas exportacións


Pide ao pobo cubano que non nos miren como estranxeiros; “mírennos –asevera- como unha parte desa familia que vive doutro lado do Atlántico”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, abriu as portas de Galicia á economía cubana e destacou ante os empresarios do país as capacidades dos sectores galegos que están consolidando o crecemento das exportacións na nosa Comunidade.

Durante a celebración do Foro Económico Cuba-Galicia, Feijóo pediu ao pobo cubano que non nos miren como estranxeiros; “mírennos como unha parte desa familia que vive doutro lado do Atlántico”, aseverou, expresando o seu convencemento de que “ao igual que en Galicia estamos convencidos de que imos polo bo camiño, observamos tamén que Cuba vai polo bo camiño”.

Nesta liña, referiuse ás empresas galegas que o acompañan na súa segunda viaxe institucional a Cuba como a proba de que Galicia cre no proceso de actualización económica que está a vivir a illa.

Sobre este punto, o presidente da Xunta salientou que Galicia conta con empresas que están competindo no mundo e con sectores que acreditan ser capaces de ter a planta de produción de automóbiles máis competitiva de España e do grupo francés PSA-Peugeot Citröen; ser capaces de fabricar pezas para eses vehículos, trasladando as capacidades no ámbito industrial; ser capaces de construír barcos, floteles para a industria petroleira e buques para as armadas máis importantes do mundo, como a de Noruega ou a de Australia, competindo con outros países de Asia.

Así mesmo, recordou que a industria galega do téxtil conta tamén con marcas internacionais; o sector agroalimentario, cunha das cooperativas máis importantes de Europa como é Coren, conta con grandes potencialidades; e, no eido do sector da enerxía salientou que Galicia está construíndo as torres eólicas mariñas para empresas multinacionais como Iberdrola ou Statoil. “E contamos tamén con pequenas e medianas empresas que están en disposición de deixar aquí o seu Know-how, a súa maneira de facer e a súa experiencia. Empresas capaces de equipar hoteis e tendas”, engadiu.

Récord histórico de exportacións
No tocante as exportacións, Feijóo precisou que Galicia, cunhas exportacións de máis de 19.000 millóns de euros o pasado ano 2015, rexistrou un récord histórico. “E neste 2016, Galicia está entre as tres comunidades autónomas que máis están exportando en España”, abondou, asegurando que a exportación da nosa economía “é a mellor forma de seguir sendo galegos e de seguir sendo españois”.

Ao longo da súa intervención, o presidente do Goberno galego afirmou que a Cuba de hoxe vive unha encrucillada económica similar á que Galicia experimentou ao internacionalizarse a súa economía ao ingresar na Unión Europea.

“A Galicia de entonces e a Cuba de hoxe comparten temores e esperanzas moi parecidos”, aseverou, afirmando que os que naquel momento sostiñan na Comunidade as teses máis optimistas, baseábanse en circunstancias que calquera observador pode percibir tamén na Cuba dos nosos días. “A nosa era entón unha sociedade cun inmenso espírito cívico, dotada dunha cultura ancestral de cooperación, habituada a resolver con tolerancia os conflitos, provista dunha formación notable e sobre todo creativa, moi creativa”, abondou.

Se ben a apertura a un horizonte de posibilidades non garante por si mesma o éxito e o benestar, Feijóo afirmou que fai que o destino estea nas nosas mans para lograr que todas esas esperanzas se confirmen, e eses temores se disipen.

O presidente da Xunta continuou posteriormente a súa axenda económica cun encontro institucional con Antonio Luís Carricarte, Viceministro primeiro do MINCEX (Ministerio do Comercio Exterior e o Investimento Estranxeiro).